1 de xuño de 2013

Fin de festa no auditorio

No final desta longa e grande festa e celebración dos 25 anos da Escola de música démonos conta da extraordinaria dimensión de todo o acontecido. O cronista diario do periodico de turno, tras un evento como o de onte,   acostuma  decir  "o teatro viuse abaixo, tralo éxito obtido ... bla,bla, bla". Nos, no canto desto, preferimos recoller expresións do público cando o telón se descorreu: "oh!!! é incrible que o esceario non se veña abaixo". Porque a primeira expresión de asombro da noite porduciuse ao ver a morea de xente que, de negro riguroso como manda o protocolo, buscaba acougo no ateigado espazo para dar comezo ao concerto.

Houbo quen quedou coa queixada fora de sitio e os mais facían contas, como fai o noso afamado periodista, sabedor da importancia do dato. -E cantos serán? -alomenos 300? -pois por ahí andarán, - fixate que meniños tan pequerrechos e os velláns aqueles do fondo... E serán quen de cantar ou é so para facer bulto?.. Mira, mira alí abaixo á dereita está Alba.. -onde? non a miro?. Cala, e aplaude que entra a directora... E vai poder con todos?- malo será....
Silencio, no esceario todas as miradas na Directora. Levanta paseniñamente os brazos, mira a todos e move os beizos: ilusión, ilusión. As palabras susurradas non son de animo, son de lembranza: preparados, comezomos con "ilusion de amor". Unha última ollada aos instrumentista e os brazos comezan o seu movemento acompañados dun doce sorriso, este sí destinado a dar ánimo e confianza.
Charán chan chaaaaran, comeza a corda e ao aceno conxunto de brazos, ombreiros, e mínima flexión de xeonllos, perto de duascentascincoenta voces entonan: "en el sileeeencio deee la nooooooche, niña te veeeengo a viiiisitar..." No público algún codo bate contra o do lado cunha lixeira inclinación da cabeza, que ben sabemos, significa: "mira ti que ven cantan". Remata a canción, estalan os aplausos, e a cara da directora ilumínase. Todos no esceario saben o significado: moitas grazas, fixéstelo moi ben, seguide así.. Nenos e maiores respiran aliviados: imos pola segunda. As cabezas están concentradas, non teñen tempo a lembrar a de días e días de ensaios, ás carreiras, repetindo unha e outra vez, repasando, indo dun lado para outro ao tempo que se pensa nos exámenes e nas outras actividades que tamén andan a rematar, na festa do fin de curso, nas rifas que quedan por vender e en tantas e tantas cousas que encarecen a labor de cantar. E miran á directora que no remate dunha canción acompaña o sorriso de aprobación , que xa lle parece escaso para recoñecer tanto bo facer, cun xesto da man que se coloca co puño pechado e o pulgar cara arriba, ben pegadiño ao peito, que e onde nace o desexo de trasmitir a súa satisfacción, para que non o vexa o público malia non conseguilo. Nas primeiras filas observan o detalle, volven a chocarse codos en signo de complicidade.
Remata a primeira parte cantada e mentras soan aplausos van entrando mais e mais músicos cos seus instrumentos, que como pezas dun tetris van acomodandose nas sillas que ainda estában vacías. Comeza a segunda parte do coro coa compaña da orquesta case na sua totalidade. O coro mais acompañado ainda e quen de vencer o cansancio e completa unha actuación que merece ser lembrada por moitos anos. "Y co-loooo-res en el viento deees-cuu-brir" pon fin actuación do coro.
-Miraches a Alba. -Mirei, mirei. que guapiña. -Ai!!! que ben cantaron, pobriños, asi e todo que mérito che ten, tantas cancións e a estas horas. -Non me fales, que ti non tiveches que andar a ir e vir con tanto ensaio, -pero no me digas: quedou tan bonito, -Bonito é pouco, xa verás con calma na grabación que fixo Milucho. -Veña, imos para arriba que levan para ali aos nenos. -Imos, que emosionada estou. - e ainda queda a orquestra que seica vai ser impresionante- Bule, bule.

Chissss! xa está toda a orquestra. -Mimaaa canta xentiña, pero ahí hasta hainos que tocan na banda - Claro muller, na música no Morraso todo está relacionado. -Ahh.
Os músicos en pe agardan a entrada do Director. Paso firme e sorriso na cara lévano hasta o caixón. Saúda cunha leve flexión, xírase e coa orquestra sentada e preparada, ergue a batuta. Os movementos son seguros e nacen da confianza de ter ben feitos os deberes. Traballouse arreo nunha empresa que moitos estimaban insuperable e esa batuta non ha deixar lugar á duda. Trazos cortos e enerxicos transmiten confianza e orde e deste xeito as primeiras notas fanse reconocibles entre o auditorio que xa está a ver a cara de Robert Refort cuberta por un chapeu en terras africanas. Non hai ninguén que non sinta ese asombro de escoitar cabalgar xuntas a notas tan variadas de instrumentos tan distintos para construires entre todas unha melodía. A batuta dibuxa no aire o sinal que pon fin a primeira peza ao mesmo tempo que os apluasos reventan o auditorio acompañados de bravos. O director xírase e agradece o recoñecemento, e sinala aos instrumentos sobresaintes da peza para que se levanten e saúden ao tempo que reciben o seu recoñecemento e o do público.
O concerto continúa na súa liña existosa, e se escoitan de novo notas que nos achegan a clásicos do cine. Soa de maravilla e a emoción flue entre escenario e as butacas, chegando  a ser tanta que hasta un arco sae disparado e cae ao chan. Case ninguén se da de conta, e os que o fan saben que é froito da paixón, e esta é sempre de agradecer.
A cousa xa non ten volta atrás e a orquestra segue co seu recital recollendo aplausos e signos de máxima aprobación. O director contento non se relaxa, non confía na sorte. Acredita no traballo ben feito e sabe que este non remata ate arrancar a derradeira nota do concerto. E conforme ao previsto esta chega a faino acompañada dunha fonda satisfacción global que inunda a todo o auditorio.
Agora si podemos recorrer á expresión periodística: o auditorio viuse abaixo. Foi tanta e tan longa a ovación, e tan claro o recoñecemento que nela se estaba a facer ao profesorado que aqueles que estaban sobre o escenario non tiveron outra que se xuntar no centro do mesmo para recibires o calor da xente ali congregada, que o facía extensivo ao resto dos profesores espallados entre o público.
-Vamos Mucha que isto rematou, -espera Fina, collemos á nena e buscamos a Milucho, pero antes deixame coller alento, que estou algo emocionada. Mira ti que parva son, serán cousas miñas pero o destes dias di moito da xente deste pobo. Ate me dou non sei que ao mirar a viuva do Mestre Inocentes recoller o ramo e pensar nos meniños que cantaron na súa lembraza. Déboche ser moi sentimental. Pode que deso  trate a música. Dos sentimentos.
PODEDES VER FOTOS E VIDEOS NA PESTAÑA CONCERTO AUDITORIO XXV

4 comentarios:

  1. Unha vez rematado os ciclos de concertos conmemorativos dos 25 anos da escola de música, a dirección do centro quere aproveitar a ocasión para felicitar a TODOS polo traballo realizado. Agradecer aos alumnos a participación nos actos, así como o interés demostrado e a asistencia aos ensaios no que todos sabemos que neste momento do curso é moi difícil.
    Por suposto non esquecemos aos pais "víctimas" e "sufridores" desta celebración.
    A todos, queremos agradecer, o interés e colaboración nestes días.
    Por último, sinalar que o concerto do día 31 foi maxistral; dalgunha maneira ahí estivemos toda a cominidade educativa traballando xuntos e demostrando que a música é unha lingua universal sin fronteiras.
    Ante a posible dúbida de que a "directora" non quixese sair ao esceario no remate do concerto, non é certo en absoluto.
    O traballo realizado, tanto na primeira parte como na segunda do concerto, foi fantástico por parte dos alumnos e máis dos directores do coro e da orquestra que debían disfrutar dese "pequeno gran momento de gloria" e recoñecemento do traballo realizado.
    Unha vez máis, felicidades a todos polo interés demostrado e por suporto a próxima será aínda mellor!.

    ResponderEliminar
  2. Dende logo que o concerto da pasado 31 foi maxistral, polo que grazas fundamentalmente aos profesores e profesoras por organizalo e por esixirlle aos alumnos (nos que humildemente me atopo) dar o mellor de sí mesmos, ofrecendo una concerto de nivel e festexando como se merece este importante aniversario.

    Grazas tamén por compartirlo a través deste blogue, para que moitas persoas que non puideron asistir, poidan comprobar a labor musical e cultural realiza dende a Escola de Música e o Conservatorio.

    ResponderEliminar
  3. Se o concerto gustou en xeral a todo o mundo, do que temos que felicitarnos todos, o comentario que neste blog acompaña ao evento non pode ser do máis ocorrente e, por outro lado, explicativo. Grazas Carlos polo teu relato que, se o concerto levantou ánimos e fixo xermolar algunha que outra bágoa, aquel nos trasladou ao que realmente importa. Viva a MÚSICA VIVA NO MORRAZO.

    ResponderEliminar
  4. Pasaron 7 días e todavía resonan nos meus oídos as notas deste concerto do cal penso que teremos cada ún un recordo inesquecivel. Inesquecivel polo tempo que levou preparalo (varios meses de duro pero gratificante traballo); inesquecivel pola cantidade de membros da mesma familia que había no escenario (en concreto eou tiña un fillo, tres sobriños, unha afillada, unha prima segunda, etc); inesquecivel polo alto nivel que, humildemente penso, deu o coro (sensación compartida por moita xente que estaba no público); inesquecivel tamén, a título particular, polo ben que o paséi tanto no concerto como nos ensaios previos.

    É un orgullo ser parte dun grupo que comparte o amor pola música. Algo que nos axuda a ser máis felices.

    Me gustaría destacar o labor de todos os profesores que contribuiron a que o concerto saíse tan ben. Mención especial para Susana pola súa inagotable enerxía e empuxe e a súa extraña capacidade para sacar ó mellor de cada ún.

    Grazas

    ResponderEliminar